O luns 23 de marzo visitou o noso centro Jacobo Fernández
Serrano. Logo de ter traballado durante o que levamos de curso MARCOPOLA, o
alumnado de primeiro e segundo agardabamos inquedos a súa visita.
E como era de
esperar, non defraudou; contounos como traballa, atendeu as nosas preguntas e
firmou os exemplares a tod@S os nen@S.
Jacobo Fernández Serrano (Vigo 1971) é licenciado en Belas Artes
na especialidade de pintura pola Universidade Complutense. Ilustrador, pintor,
debuxante e comiqueiro, como autor de literatura infantil publicou na colección
Merlín de Xerais os libros “A gardería de dona Bixelmina” (2005), “A pedra e as
formigas” (2006), “Mil cousas poden pasar. Libro I” (2009), premio Merlín de
literatura infantil e “Mil cousas poden pasar. Libro 2” (2011). Iniciouse na
ilustración de libros de literatura infantil en Xerais con “As aventuras de
Nunavut” de Xoán Abeleira, serie da que publicou catro libros: “O nacemento de
Nunavut” (2003), “Un día de caza” (2003), “Sedna, a deusa do mar” (2004) e “O
caribú namorado” (2005); ao que seguriron outros traballos para diversas
editoriais. Ademais de traballos de ilustración de libros de texto,
dicionarios, guías de natureza, carteis ou ilustracións para televisión, etc.
É, tamén, autor da serie de banda deseñada “Os amigos de Archimboldo Roque”,
publicada na revista “Golfiño” (2000 a 2004) e recollida no volume homónimo
publicado por Faktoría K (2008). Tras realizar este personaxe converteuse en
colaborador da publicación periódica “Dos Veces Breve”, así como da segunda
época da revista “BD Banda”, na que desenvolve a serie titulada “Animais
pantasma”. Co álbum de cómic “Aventuras de Cacauequi” (2007), obtivo o premio
Castelao da Deputación da Coruña de Banda Deseñada, e a nominación ao Premio
Expocómic 2008 de Madrid e do Salón do Cómic de Barcelona, no apartado de autor
español revelación. É autor da serie de cómic para os primeiros lectores
“Marcopola. A illa Remeira” “Lois Pereiro. Breve encontro” (Xerais, 2011) é a
súa primeira novela gráfica. Mantén abertos dous blogs, onde publica adianto
das súas ilustracións e traballos:
Grazas Jacobo e …ata o próximo ano.
No hay comentarios:
Publicar un comentario