Translate

lunes, 2 de julio de 2018

Presentación do noso proxecto


O 16 de maio tivo lugar na biblioteca do noso cole, a presentación do P.D.I. DESENTERRANDO OS NOSOS TESOUROS “ A ILLA DE ONS”.
Fixemos un percorrido sobre todo o traballado durante o curso e presentamos as nosas actividades No corredor da biblioteca, están expostos todos os nosos traballos.
Aquí vos amosamos un percorrido pola illa de Ons


DESCUBRINDO OS TESOUROS DA ILLA

Introdución
É a principal illa do arquipélago das Ons, que a conforman xunto á veciña Onza e a outros pequenos illotes. Este arquipélago, xunto coas Illa Cíes, o de Sálvora e o de Cortegada, forman o parque Nacional das illas Atlánticas de Galicia.
Pertence ao municipio de Bueu, sitúase fronte á illa de Pontevedra. Ten contorno alargado e relieve sen demasiados altibaixos.
Conta con fermosas praias de area fina e augas cristalina
Na actualidade apenas hai habitantes durante o inverno pero si gran cantidade de turistas durante a época estival.
Adentrádevos en Ons!!!
O faro de Ons
Acendeuse por primeira vez en 1865. Para  acendelo utilizaban aceite nun principio, logo pasaron a utilizar petróleo e actualmente utilizan placas solares.
Dentro do faro hai un pequeno museo.
O Faro está a 128,4 metros sobre o nivel do mar no Cucorno. Así é como se chama esa parte da illa que é máis alta. Tras varias reformas ten forma de U. Emite 4 destellos de luz cada 24 segundos cun alcance de 24 millas e é un dos de maior alacance de toda España.
 

A escola de Ons
Está situada en Curro xunto aos principais edificios da illa. Na actualidade xa non funciona como escola se non como museo.
No seus primeiros anos, había moito alumnado e estaban separados os nenos das nenas en diferentes clases e patios.
Anos máis tarde debido a despoboación da Illa,  a escola pasou a ser unitaria; nenos e nenas de diferentes niveis estudaban na mesma aula. Tiñan moi poucos medios en comparación con outras escolas.
Os nenos/as da Illa tamén tiñan que traballar no campo e no mar.
No ano 1.978-1.979 cerrouse a escola por falta de alumnos/as.


O Buraco do Inferno
Sitúase ao suroeste da Illa. Trátase dun buraco ou pozo natural, cunha caída libre duns 40 metros de profundidade. Según contan as lendas, esta greta natural é a mismísima entrada ao inferno e os días de temporal escoitanse os gritos e as almas que levou o diablo.




 Laxe dos Cregos

 

Camping


Mirador de Fedorentos

mirador de Fedorentos nos agasaia cunha fermosa panorámica dende a que se pode ver a illa de Onza, as illas cíes e a Costa da Vela. 


Praias


PRAIA DAS DORNAS
Chámase así polo nome que recibían as embarcacións dos habitantes da Illa, está moi céntrica, pois ubícase ao lado do peirao, pola parte Norte do mesmo. Máis ben é unha cala accesible con forma rectilínea, pouco ventosa, de area branca e grosa, con augas cristalinas e con moitas rochas. Dende ela pódese contemplar unha chea de aves mariñas.
Este areal está xusto ao lado da zona dos bares e tamén se pode fondear cun barco particular.

PRAIA DE MELIDE
Atópase lonxe do lugar de maior afluencia da illa. É unha recoñecida praia nudista de bandeira azul, considerada como a máis bonita do arquipélago de Ons, polas súas augas cristalinas e o seu extenso areal de area fina e branca.

PRAIA AREA DOS CANS
É a máis concurrida, pois está xusto detrás da aldea de Curro

PRAIA DE PEREIRÓ
Atópase preto do campamento xuvenil, algo alonxada do pobo. É unha cala de area branca e fina cun mar salpicado de pedras, entre as que se atopan pedras de cores e tamaños diversos e onde atopamos unha bonitas vistas á Ría de Pontevedra e Aldán.

PRAIA CANESOL

Praia de area fina rodeada por rochas. Está situada baixo o castro e o cemiterio e mira cara a Ría de Pontevedra.


Pesca en Ons

A excepcional riqueza dos fondos mariños de Ons foi un dos principais sustentos dos seus poboadores. A pesca de polbo e centolo, e a extración de percebe realizáronse a pequena escala e de maneira artesanal o cal permitiu o mantemento artesanal dos recursos xeración tras xeración.

Existen moitísimos aparellos e artes de pesca específicos para cada especie. Moitos deles comercialízanse, e outros son desenvolvidos polos pescadores en función das súas necesidades, en ocasións reciclando materiais dos que xa dispoñían.



OS FONDOS MARIÑOS
Baixo as frías augas agóchanse os maiores tesouros ecolóxicos das illas Ons, e esta riqueza é a causa principal da súa inclusión no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.
As augas superficiais son arrastradas polo vento.
As augas frías das profundidades ascenden cargadas de nutrientes e osíxeno.


BOSQUES DE ALGAS.

Nos fondos rochosos destacan os bosques de grandes algas pardas, refuxio e fogar de multitude de animais e vexetais. Podemos atopar nécoras, congros e outras moitas especies.

UNHA EXPLOSIÓN DE VIDA

As augas frías das profundidades ascenden cargadas de nutrientes por mor dos ventos do norte dominantes. Esta alta concentración de alimento, queda a disposicións das algas (base da cadea alimentaria) o que da lugar a unha extraordinaria explosión de vida.

FONDOS DE AREA

Nos fondos de area abundan os moluscos bivalvos como a vieira ou a volandeira e os peixes planos como a solla ou  raia.

Aparellos

NASA

Aparello formado por un armazón de madeira ou metal, recuberto por rede, cunha boca en forma de funil pola que entra o marisco, sobre todo o centolo, lumbrigante ou nécora, os peixes ou o polbo. Estes introdúcense no seu interior atraídos polo cebo, e unha vez alí, non son quen de saír.
 
                  

POUTADA

Áncora de pedra e madeira completamente artesanal.


CARRO DA DORNA

Peza que forma parte da proa de dorna, onde se suxeita o mastro da vela. Os ocos cuadrangulares onde se inxire o mastro reciben o nome de pías ou títeres.

MIRAFONDO

É unha caixa de madeira con base de cristal que lle permite ao pescador observar o fondo mariño dende a súa dorna.

RAPA

Ferro afiado suxeito a un mango de madeira co que se fai panca na piña do percebe para arrincalo da rocha.

FRANCADA

Arte utilizada para a pesca por ensarte de peixes planos e outras especies de fondo como a raia.Emprégase desde a dorna, en zonas de pouca profundidade, coa axuda do mirafondo para observar o fondo. Cando se detecta algunha especie susceptible de ser pescada, ensártase rapidamente e extráese.

AMPOLA

Boia de cristal que se empregaba antigamente.


AGULLAS
As mulleres da illa, no seu papel de redeiras, tecían e arranxaban as redes con agullas de madeira.


Medios de transporte
En ONS non hai coches nin autobuses nin ningún outro medio de trasporte como os que temos nas vilas e cidades. A Ons chegas en barco, un medio de transporte marítimo e unha vez alí te desprazas andando. O único que existe son esta especie de tractores con remolque para levar mercadorías.



A vexetación en Ons

TOXO. É un arbusto moi espiñento, de o,6 a 2 m con moitos talos ramificados. O toxo forma en Galicia as típicas toxeiras. Ten flores algo olorosas con peliños, o cáliz é amarelo e teñen pétalos de 13 a 20 mm.

BREIXO. Especie de arbusto de folla perenne con flores pequenas de cores rosadas,lilas ou brancas. Adoita ter unha altura de 30 cm. AS plantas deste xénero servan de alimento para s larvas.


XESTA. É un arbusto exclusivo da Illa de Ons que foi descuberto no ano 2001, coma nova especie e inmediatamente catalogada como en perigo de extinción.

CERQUIÑO. Atópase nas zonas de abrigo cara ao leste da Illa, antigamente máis abundante e coñecido como rebolo.

FIUNCHO. Planta vivaz de 80 a 140 cm de altura. Os seus talos son de cor verde azulado. As follas están divididas e despiden aroma típico. As flores son amarelas e agrúpanse

MADRE SELVA. Pertence á familia dos arbustos e pode cegar a medir dous metros. As súas flores son de color amarelo con algúns destelos rosados. A súa época de floración é a primavera.

HERBA DE SANTIAGO. Especie moi vitosa de flores amarelas que saen no verán. Especialmente tóxica, a súa recoleción  ten que ser en mans expertas.

MALVA. Planta perenne de ata 2 metros de altura que florecec a mediados do verán. As flores son de cor púrpura ou rosa, con partes púrpuras máis escuras, e os froitos son cápsulas con forma de pequena cabaza.

MENTA. Planta perenne e aromática que acada uns 120 metros de altura. Florece no verán e as súas flores son de cor violeta agrupadas en espiguiñas.

SALGUEIRO BRANCO. Árbore de folla caduca que chega a acadar os 25 metros de altura.As súas follas alongadas presentan unha cor gris prateada e a cortiza de tronco tamén é de cor gris.

HERBA DE NAMORAR. É unha pranta perenne cunhas fortes raiceiras

ANXÉLICA. Ten o talo oco e pode medir de 1.50 a 2 metros de altura.
Abre en forma de parugas e bota moitas florecidas pequenas


A evolución das Salamandras na illa
Investigación científica das salamandrasCoñecimos quen era Darwin e relacionamos a súa experiencia de investigación nas illas do pacífico coa nosa illa de Ons, descubrindo que as salamandras de Ons sufriron un proceso evolutivo moi interesante.

    
  
    

As aves da illa de Ons
Buscamos información sobre as aves que habitan na illa e as súas curiosidades.
Todo quedou plasmado neste mural informativo e nun libro .


ACTIVIDADES 1º 2º PRIMARIA
DESENTERRANDO OS NOSO TESOUROS: A ILLA DE ONS
Todas as nosas actividades relacionadas co proxecto anual de centro están desenvolvidas en lingua galega

Actividade motivación.
Saída á illa o 10 de outubro. De alí trouxemos información dabondo para comezar a traballar. Fotos, vídeos, visita ao museo e moitas vivencias
compartidas.
 
Curiosidades.
O noso compañeiro Cesáreo é o bisneto do único habitante que queda na Illa durante todo o ano. Él di que vive moi ben e que non quere ir para Bueu. Só vai un mes durante o Nadal



Limpamos a praia das Dornas.
A illa non ten servicio de recollida de lixo. Todos os visitantes teñen que levar os residuos de volta en barco. Por iso cando compras o billete xa te dan unha bolsiña para que a metas alí.

E unha vez motivados, comezamos coa actividade do LIBRO VIAXEIRO. Rasi, a nosa mascota visitou a casa de cada un de nós porque quería coñecer a illa. En cada visita que nos fixo, lle presentamos un dos tesouros da mesma e con esa información aprendemos moitas cousas.


Caderno Investigación.
Cada un dos coñecementos aprendidos quedaron plasmados no caderno de investigación co que a biblioteca agasallounos o día das bibliotecas escolares e cal gardaremos para o recordo con todo o aprendido.
Nel tamén temos reflexións, entrevistas imaxes sobre as visitas que acudiron ao noso cole e que tiñan relación co que estabamos a estudar.


Visita Julio Santos Profesor na illa nos anos 70.
Recibimos a visita de Julio Santos que foi profesor na illa na década dos 70. Contounos como se vivía na Illa naquel tempo e o funcionamento da escola. Os nenos estaban separados das nenas, non tiñan moitos medios materiais, non tiñan médico, axudábanse uns aos outros….


Magosto.
Fixemos un cestiño para as castañas onde aparecía representada a illa, pareados e versos acompañando a ilustración:
EXEMPLO
Na illa de Ons                        O outono chegou
castañas a montóns               á illa de Ons

Samaín.
As nosas cabazas foron decoradas coa temática da illa: polbos, centollas, peixes, faros, tesouros varios.
Como actividade de expresión escrita fixemos unha descrición das nosas cabazas.
Davila e Mari Acuña, fixeron nese día unha sesión de lendas sobre a Illa de Ons. Mentres Mari poñía a voz, Luís Davila facía as ilustracións

Nadal
Postais de Nadal. 
A  proposta foi ilustrar unha postal cunha imaxe do tesouro a traballar. No noso caso, decoramos o faro e as praias no Nadal. Escribimos unha felicitación en galego e a enviamos a outro dos nosos compañeiros/as do colexio por correo ordinario.
Tesouros de Nadal.

   
O traballo do centro foi facer unha árbore con botellas e meter dentro un tesouro. Algúns dos nosos tesouros: poemas da illa, versos, lendas….
Un dos tesouros atopados este bonito poema



A ILLA DE ONS, UNHA CULTURA UNHA IDENTIDADE


Deixádeme contar
algo da Illa de Ons;
sempre fomos unidos
hast o día de hoxe.

Non facíamos festa
e bailabamos ben
jota e muiñeira
millor que ninguén.

Agora están en Bueu
e fixeron casas novas
e barquiños dos mellores
esta xentiña tan boa.



Pero a illa é nosa,
nunca a deixaremos,
arreglamo-las casas
millor que podemos.

E queiran ou non queiran,
¡ a nós deixar obrar!
Porque a Illa é nosa,
Non-a poden negar.

A festa ha se facer
Como sempre se fixo,
e todos bailaremos,
Abuelos, pais e fillos.

(Poema extraído do libro A Illa de Ons, unha cultura unha identidade)


Outro tesouro atopado:
A illa de Ons
preñada no mar
durmiuse no berce
que abala o luar.
                        Luís Amado Carballo
Entroido.
 Tesouros do  mar chamábase a nosa comparsa. Non faltaron mariñeiros nin peixeiras e por suposto peixes, centolas e polbos. Como complemento levamos un  barco coa súa rede. A letra da canción tiña relación coa temática.

Esta foi a nosa cantiga (Música: “O paraugas do Xosé”)
Os peixiños e as peixiñas
andan, andan a nadar e danlles bicos aos nenos
que se van bañar ao mar.
(bis)

E aquí estamos nos.
E aquí estamos nos.
As peixeiras e os mariñeiros cantando no Entroido
con moita ilusión.
(bis)


Nada, nada, nada a xarda.
Nada, nada a pescada.
Nada, nada o bacallau
e o polbo tamén nada.
(bis)

Retoruso

Nada, nada unha sardiña.
Nada detrás dunha raia
e dille adeus as nenas que están xogando na praia.
(bis)

Retrouso


Visita de María do Caño.
María do Caño naceu na illa de Ons, visitounos para contarnos as súas vivencias alí e con ela seguimos desenterrando os tesouros da Illa. Pero o que máis nos gustou foron as súas cantigas
Dúas estrofas do Tanco da Illa de Ons:
 Ó pasa-la Illa de ONS
Acordácheste miniña
Dendes que chas vin pasadas
Como se nunca te vira
La la la ra la la la...
Somos da Illa de Ons
somos e sempre seremos
sempre levamos a palma
e sempre a levaremos
La la la ra la la la...

Abril Mes dos libros.
Traballamos en todas as actividades propostas polo equipo de biblioteca e dinamización da lingua: apadriñamentos lectores (limos un conto en galego aos nenos/as de infantil), hoxe no patio libro, intercambio de libros gravado de booktubers para recomendar “O LIBRO DA ILLA DE ONS”
E acudimos a todas as animacións lectoras propostas.

Os Maios.
E seguimos desenterrando os nosos tesouros…nesta ocasión o maio.
Os nenos/as de primeiro e segundo fixemos un fermoso maio adornado con espadaina, xestas, fiuncho e flores variadas. Axudounos Julio Santos Pena  que foi profesor na Illa de Ons durante moitos anos,  axudou a manter a tradición en Marín. Ensinounos moitas curiosidades como que os maios existen desde a antigüidade e están relacionados co nacemento da agricultura. Os maios teñen moita evolución e diferentes formas de expresión segundo a localidade na que se fan. Así pois hai incluso maios humanos ou maios con figuras.  
O noso ven de Ons, porque alí estamos desenterrando moitos tesouros, ten forma cónica e unha coroa. Ao seu redor cantamos coplas con tesouros da nosa illa.
 

Fixemos un programa especial sobre os Maios que podedes escoitar en Radio Faladoiro


MAIO PEQUERRECHIÑO DA TORRE


Todos arredor
poñede atención
que este noso maio
ven falar de Ons.

                Son as nosas illas
na porta da ría
que coidan de nos
freando a marusía

                Os nosos avós
naceron alí
pero hai moitos anos
viñeron para aquí

                Os homes da Illa
no mar traballaban
e, as mulleres,
a terra labraban

                Remaban nas dornas
pescaban bos polbos
ían as centolas
co  mirafondos.

                Moitas vaquiñas
había na Illa
hoxe alí o gando
é historia perdida.

                A xente escapou
para mellorar
a Illa quedou
soíña a chorar

                Alí soio quedan
un par de mariñeiros
Cesáreo e Manolo
que son os derradeiros.
               
E agora nós
que somos pequenos
queremos que sexa
a Illa dos nenos.
               
                Por eso cantamos
co noso maiño
lembramos aos vellos
con moito cariño.

                Area dos Cans,
Curro e Canesol,
son coa de Melide
praias de moito sol

                Alumea o Faro
alá no Cucorno
avisando aos barcos
que andan no entorno

                Tres illas irmás
as tres moi fermosas
Ons e a Onza 
e o illote da Freitosa

                Hai moitas pegadas
dos nosos ancestros
a Cova dos Mouros
e a Laxe dos Cregos.


                Imos rematar
este noso canto
que imos para Illa
e nos marcha o barco.

                Para outro ano
outra vez viremos
co noso maiño
cantando estes nenos.
          Maio de 2018


Letras Galegas.
Limos o libro de María Victoria Moreno  ”Eu conto ti cantas”
Traballamos en todas as actividades propostas do equipo de dinamización da lingua e polo Seminario Galán.
E para conmemorar o día das letras galegas espuxemos o noso proxecto “Desenterrando os nosos tesouros: A illa de Ons

Resumo de actividades por áreas.
ACTIVIDADES NA ÁREA DE LINGUAXE: Descricións dos lugares a partir das fotos, letra dos maios, recollida de información no caderno de investigación, lectura de libros,  programas en Radio Faladoiro para mellorar a expresión oral por exemplo  o que fixemos para promocionar o turismo na illa, o programa especial de Maios, entrevistas…

ACTIVIDADES ÁREA DE MATEMÁTICAS. Problemas con datos reais, traballar o billete do barco, o precio da excursión de fin de curso para todo o alumnado…

ACTIVIDADES CIENCIAS.
 
Descubrir a flora e a fauna da illa. A partir dunha ficha investigamos estes aspectos que quedaron plasmados nun libro e en diversos murais que adornan o noso mural.
Estudamos as praias, o faro e os lugares de interese da illa.
Investigación científica das salamandrasCoñecimos quen era Darwin e relacionamos a súa experiencia de investigación nas illas do pacífico coa nosa illa de Ons, descubrindo que as salamandras de Onssufriron un proceso evolutivo moi interesante.


MEDIOS DE TRANSPORTE
En ONS non hai coches nin autobuses nin ningún outro medio de trasporte como os que temos nas vilas e cidades. A Ons chegas en barco, un medio de transporte marítimo e unha vez alí te desprazas andando. O único que existe son esta especie de tractores con remolque para levar mercadorías.


ACTIVIDADES ARTÍSTICAS.
Plano da illa para traballar cos Bbots, plano individual en relieve, arte na area, o maio,  murais informativos…
Cantar na comparsa TESOUROS DO MAR
Facer os aparellos de pesca para levar no Entroido e as patelas para as peixeiras
Facer, ilustrar e cantar o maio
Sombras chinesas
Obra teatral para fin de curso







No hay comentarios:

Publicar un comentario