Translate

sábado, 12 de mayo de 2018

Outro tesouro desenterrado: O Maio



      E seguimos desenterrando os nosos tesouros…nesta ocasión  o maio.
      Os nenos/as de primeiro e segundo fixemos un fermoso maio adornado con espadaina, xestas, fiuncho e flores variadas. Axudounos Julio Santos Pena que durante moitos anos como docente axudou a manter a tradición en Marín. Ensinounos moitas curiosidades como que os maios existen desde a antigüidade e están relacionados co nacemento da agricultura. Os maios teñen moita evolución e diferentes formas de expresión segundo a localidade na que se fan. Así pois hai incluso maios humanos ou maios con figuras.
      O noso ven de Ons, porque alí estamos desenterrando moitos tesouros, ten forma cónica e unha coroa. Ao seu redor cantamos coplas con tesouros da nosa illa.



MAIO PEQUERRECHIÑO DA TORRE      

Todos arredor
poñede atención
que este noso maio
ven falar de Ons.
           
Son as nosas illas
na porta da ría
que coidan de nos
freando a maruxía
            
Os nosos avós
naceron alí
pero hai moitos anos
viñeron para aquí
            
Os homes da Illa
no mar traballaban
e, as mulleres,
a terra labraban
            
Remaban nas dornas
pescaban bos polbos
ían as centolas
co espello mirafondos.
            
Moitas vaquiñas
había na Illa
hoxe alí o gando
é historia perdida.
            
A xente escapou
para mellorar
a Illa quedou
soíña a chorar
            
Alí soio quedan
un par de mariñeiros
Cesáreo e Manolo
que son os derradeiros.
           
E agora nos
que somos pequenos
queremos que sexa
a Illa dos nenos.
           
            
Por eso cantamos
co noso maiño
lembramos aos vellos
con moito cariño
  
Area dos Cans,
Curro e Canesol,
son coa de Melide
praias de moito sol
            
Alumea o Faro
alá no Cucorno
avisando aos barcos
que andan no entorno
            
Tres illas irmás
as tres moi fermosas
a Ons e a Onza 
e o illote da Freitosa
            
Hai moitas pegadas
dos nosos ancestros
a Cova dos Mouros
e a Laxe dos Cregos.
           
Imos rematar
este noso canto
que imos para Illa
e nos marcha o barco.
            
Para outro ano
outra vez viremos
co noso maiño
cantando estes nenos.
          Maio de 2018



Nos seguintes enlaces podedes pinchar para escoitar os programas especiais que fixemos sobre Maios en Radio Faladoiro